Comentario sobre o documental "A memoria da lingua"

En primeiro lugar, dicir que este documental pareceume moi interesante pero á vez moi triste pois amosa a pura realidade da nosa lingua. Acho que a lingua propia é un símbolo de identidade do pobo como ben se menciona no video e que por moito que gostemos do noso país se continuamos con estes prexuizos cara a nosa lingua, morrerá. Ben é certo que pobo é o único que pode salvar ó pobo. Pois, por moito que as forzas políticas queiran difundir a nosa cultura, gastronomía e terra a nivel internacional, parece que ninguén pensa na lingua propia. Ademais, o pobo galego foi vítima da opresión fascista e o que isto conlevou, a perda da fala. Mais quen continuou defendendo a nosa lingua foi silenciado mediante a violencia por parte dos propios galegos. Por outra parte, menciónanse os roles de xénero na fala, como as mulleres mudan de lingua para ter unha fala máis delicada e obter un status social máis alto, cousa que aos homes non se lles esixiu tanto. Paréceme que é moi importante a difusión deste tipo de videos que amosan a realidade que nunca nos mostraron ou ensinaron na escola e que ademais, as mesmas forzas políticas buscan silenciar, véxase a nova proposta para eliminar o temario do galego durante o fascismo no Bacharelato. 
Debemos saber que cando unha lingua morre, con ela morre a identidade do pobo. O galego non é a lingua dos "especialitos" ou "nacionalistas" senón que é a lingua do pobo, como galegos non podemos denigrar a nosa propia fala, é moi triste como este documental amosa como continuan estes prexuizos que se agravaron especialmente durante a dictadura e como nos fan pensar que o estatus social se relacione coa lingua na que se fale. 
Como galegofalante que me criei nun entorno no que sempre se falaba galego non entendía a situación de diglosia ata que comecei o curso nun novo instituto. Puden ver como compañeiras miñas mudaban ao castelán para poder sentirse unha máis das chicas populares do insti ou como se reían da miña "gheada" e "seseo" compañeiros hispanofalantes. Ademais, recibín comentarios do tipo "pero ti eres unha chica e ahora as chicas presumidas falan o castelán" ou "¿por qué hablas así?". Malía estes comentarios, nunca mudei a miña lingua nin penso mudala, é unha parte máis de min. Espero que videos así cheguen a audiencia correcta e amosen a verdadeira opresión e os prexuizos denigrantes hacia a nosa propia identidade. Rezo para que nun futuro a nosa lingua non se perda e que isto non se borre da historia.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Comentario Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (Barcelona, 1996)

Comentario lectura Mosterín, J. (1993): Teoría de la escritura

Reseña de "O galego (im)possível"