Clase interactiva 21/02
Esta lectura de Olga Castro "Género y traducción. Elementos discursivos para una reescritura feminista" aborda a cuestión de xénero e a tradución. Olga sinala as limitacións que se dan dentro das traducións, pois o masculino é a forma xenérica por excelencia, invisibilizando o xénero feminino. O posicionamento patriarcal apropiouse das traducións con estratexias tales como o “Man Principle”, que en caso de descoñecer o sexo do referente, óptase polo masculino. Ademais, é indudábel que esta aplicación réxese por estereotipos de xénero, ligados a unha sociedade patriarcal. Ante este tipo de problemas, a tradución feminista propón novas solucións tales como a suplementación ou a compensación, tratando de equilibrar o texto ás diferenzas entre linguas e culturas. Ademais, xurde outra estratexia de tradución feminina denominada metatextualidade que consiste na inclusión de prefacios e notas do/a tradutora e outros paratextos, explicando así as intencións políticas da tradución e as intervencións sobre o texto. Finalmente, dentro destas estratexias de tradución feminista tamén atopamos o denominado secuestro, no que o tradutor aprópiase dun texto non necesariamente feminista introducindo neoloxismos, cambios que fan que o texto sexa máis inclusivo ou a eliminación de elementos sexistas, etc.
Ao meu parecer considero que a estratexia máis interesante das mencionadas anteriormente, sería dentro da tradución feminista a metatextualidade, pois ao traducir un texto pérdese unha pequena parte do seu significado orixinal e ademais, esta estratexia serve para visibilizar o papel da tradutora e así, creando un vínculo máis directo cas lectoras.
Polo tanto e seguindo o debate da clase interactiva do 21 de febreiro, é indudabel que nos últimos anos a sociedade mudou en moitos aspectos ao ritmo que a globalización se espalla. Polo tanto, isto tamén inclúe cambios dentro da linguaxe. Algúns destes cambios foron ben recibidos pola sociedade, en cambio outros foron duramente criticados e vistos como imposicións. Como se observa no fragmento de texto que tratei de resumir, unha das grandes barreiras para unha linguaxe inclusiva, son as limitacións dentro das traducións.
Son moitas as veces que leo e escoito como a xente denomina a linguaxe inclusiva como “artificial”, mais non considero que exista unha linguaxe “natural e artificial”, pois a linguaxe é unha construción social que foi evolucionando e á cal nos fomos acostumando, polo que a pesar de que moitas grandes institucións lingüísticas se opoñan á linguaxe inclusiva e a categoricen como “artificial” o certo é que se todos os falantes empregásemos esta linguaxe habitualmente probablemente as futuras xeracións a perciban como “natural”.
En conclusión como sociedade debemos cuestionarnos ata que punto debemos considerar algo que afecta a tantas persoas, como “artificial” ou como unha imposición, pois ben é certo que a quen non lle afecta efectivamente vaino ver como unha opresión inexistente.
Comentarios
Publicar un comentario