O movemento reintegracionista
Foron poucas as veces que escoitei falar sobre este movemento, o reintegracionismo, quizais con sorte aparecía algunha referencia a este no recadro azul do libro de galego da secundaria, mais a súa presenza no programa da materia era case nula. Polo tanto, isto lévame a pensar na politización da educación, como adquirimos os coñecementos acorde aos intereses do autogoberno. Non foi ata 2º de carreira na materia de Sociolingüística que escoite falar del en profundidade.
Este movemento
lingüístico busca recuperar o vínculo entre o galego e o mundo lusófono fronte
a castelanización do galego, consagrada pola normativa oficial vixente, as NOMIGa. Esta preferencia pola lexicografía castelá, conduce á desaparición do galego, sendo o reintegracionismo unha estratexia para a supervivencia do noso idioma.
Non foron poucas as
veces que escoitei a afirmación “o galego permite comunicarse con centos de millóns
de falantes do portugués”, mais tal e como é ensinado hoxe en día, isto non é
verdade. Actualmente, o galego achégase máis ao castelán que ao portugués, e isto
é unha realidade. O galego que figura dentro do ensino non é un
galego de calidade, mesmo se o fose, a miña fala e escrita serían completamente distintas. Eu
mesma peco diso.
Recordo a fala da
miña avoa, aquela fala tan pura que pouco se achegaba ao castelán, e tan
semellante á portuguesa. Hai pouco, tiven unha conversa cunha anciá portuguesa,
unha conversa que me transportou a aqueles momentos coa miña avoa e non foron
poucas as veces nas que pensei “iso tamén o dicía a miña avoa”. Sou consciente
de que o cambio está en min, eu sou quen debe mellorar a calidade da miña fala,
pois ninguén máis o vai facer.
Hoxe en día, os
galegofalantes seguimos a ser vítimas dunha colonización lingüística castelá,
mesmo podemos observalo no uso de “castelanismos”, termos amplamente estendidos
na fala popular e que poñen en perigo as formas tradicionais do galego. Dito
isto, agora non resulta tan estraño escoitar a un madrileño (por pór un
exemplo) dicir “es que el gallego es un dialecto del castellano”, verdade que
non? Certamente ao escoitar “a miña abuela vive nun pueblo” resultaría estraño pensar
que non é unha variedade máis do castelán, mais isto só amosa a situación tan denigrante
na que se atopa o galego.
E para concluír, na miña opinión, engadir que para que o reintegracionismo funcione, debe pórse en vigor un posíbel binormativismo, isto é, empregar a norma actual xunto a unha norma do galego reintegrada, tendo en conta as variantes da Galiza e así achegarnos máis á lusofonía. Isto pode soar contraditorio, mais debemos ollar a realidade social tan complexa, non todo o mundo está disposto a mudar.
Comentarios
Publicar un comentario